Noticias

Ningún concello galego presentou ata o momento a solicitude de declaración de zona tensionada

A Xunta salienta que ningún concello presentou a solicitude de declaración de zona tensionada e advirte das consecuencias negativas desta medida para o mercado de alugueiro de vivendas. O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou esta tarde na mesa de debate Declaración de zonas tensionadas no marco do V Congreso Inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias. Heriberto García lembrou que a lei estatal trae máis incertezas que confianza ao mercado residencial, polo que o Goberno galego xa a recorreu ante o Constitucional.

Reiterou que a Xunta non aposta por este tipo de medidas impositivas, senón por dar seguridade xurídica para que os propietarios oferten as súas vivendas en alugueiro e os promotores impulsen novos desenvolvementos para destinalos a este fin.

Non obstante, ante a falta de claridade no procedemento establecido polo Goberno central, a Xunta detalla os pasos a seguir por parte dos concellos, que deben avalar con documentos e estudos técnicos a súa solicitude.

Insistiu en que ata o momento non se ten rexistrado ningunha solicitude por parte dos concellos coa correspondente achega da documentación preceptiva, tan só declaracións de intencións.

Referiuse aos aspectos negativos desta normativa, coa que os concellos deben planificar solucións para esas zonas tensionadas, destinar solo á construción de vivendas sociais ou dotacionais e acadar no prazo de 20 anos un parque mínimo de vivendas destinadas a políticas sociais do 20% dos fogares do municipio.

Apuntou que esta medida do Goberno central só lle vai poñer tope aos prezos ás vivendas de grandes tenedores, que en Galicia son menos do 4%, e ás que levan máis de 5 anos sen alugarse, polo que non vai incentivar que se poñan no mercado.

Advirte de que con esta iniciativa, os propietarios preferirán vender as vivendas, destinalas ao alugueiro turístico, alugalas por cuartos ou mantelas baleiras, como está acontecendo en cidades europeas que adoptaron medidas similares.

R., 2024-04-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES