Noticias

Galicia aposta no Comité europeo das rexións por un mecanismo para superar os obstáculos entre fronteiras europeas

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.

O director xeral destacou as “importantes relacións económicas, sociais e culturais entre Galicia e Portugal, que se ven moitas veces socavadas por obstáculos derivados das fronteiras e que afectan ao transporte, á prestación de servizos públicos ou ao desenvolvemento empresarial”. “Por iso apoiamos un mecanismo transfronteirizo como este, que permita superar estas barreiras por medio de puntos de coordinación, engadiu.”

Coexistencia dos grandes carnívoros coas actividades agrarias

De entre os outros 13 ditames aprobados nesta sesión plenaria, cómpre salientar o relativo á xestión das poboacións de grandes carnívoros en Europa, que destaca a necesidade de lograr un equilibrio entre a protección de especies como o oso, o lince ou -especialmente para Galicia- o lobo, e a dos seres humanos e as actividades agrícolas nas zonas rurais.

Mediante a presentación de 13 emendas a este ditame, a Xunta fixo énfase na necesidade de avaliar periodicamente o estado de conservación destas especies para garantir niveis de protección e xestión adecuados, e solicitou un maior apoio público para que as comunidades rurais e os agricultores poidan aplicar medidas de prevención axeitadas e facer fronte aos danos causados por grandes carnívoros.

Ademais dos anteriores, o Goberno galego presentou emendas a outros dous ditames: un sobre a primeira proposta de lexislación europea para regular a distribución e comercialización de vexetais producidos mediante os métodos máis novidosos de modificación xenética (coñecidos como “novas técnicas xenómicas”); e outro sobre a promoción da mobilidade na aprendizaxe como ferramenta para impulsar o desenvolvemento das competencias e o talento na UE.

Outros puntos destacados

Este pleno contou, ademais, coa celebración de debates sobre o paquete de ampliación da Unión Europea de 2023, os sistemas de protección da infancia a nivel local e rexional e as eleccións ao Parlamento Europeo do vindeiro 9 de xuño. Por vía de urxencia, adoptouse unha resolución sobre a política de cohesión despois de 2027 como resposta ao noveno Informe da Cohesión publicado a finais de marzo.

Os máis de 300 representantes locais e rexionais abordaron tamén os resultados do pasado Cumio Europeo de Rexións e Cidades celebrado en Mons, a próxima creación dun órgano interinstitucional de ética da UE e a proposta de orzamento do Comité Europeo das Rexións para 2025.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da comunidade, o membro titular é o propio presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

R., 2024-04-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES