Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A razón ao servizo dos instintos

viernes, 09 de octubre de 2015
Ás veces preguntámonos ao servizo de que está a razón, porque non podemos comprender que algúns dos seus empregos sexa tan desconcertante. Seguramente esquecemos o que dicía D. Jacinto Benavente: “¡Que triste cousa sería a vida si só a razón gobernara as nosas accións!”. Pero este ilustre escritor non parece que tivera en conta que se isto fora rigorosamente certo viviríamos constantemente magoados por tantos razoadores tan pouco razoables, e aínda a vida así nos concede algúns espazos agradables. Por ventura, faise outra cousa na actualidade que manipular a razón?. Nunca tanta afección se lle tivo, e poucas veces gozamos de tanta trivialidade.

Escoiten, escoiten, algún emprego da razón!: “Estamos asistidos pola razón”; “a razón estivo sempre da nosa parte, pero non se nos quixo recoñecer e agora cantan sardanas”; “as razóns do poder esvaeceron as de estado en mans irresponsables”, din os eruditos; “ xa non hai razón histórica: hai historias (contos) das razóns”, escriben os historiadores; “o galimatías xurídico – tatexan os xuristas – pon en perigo de irrelevancia a razón da xurisprudencia”; “se a lei non gusta, non se cumpre” – razoan desde as esperanzas das desesperanzas; “non hai razón (xurídica) para a imputación: a miña desobediencia é política”, alega o Sr. Mas dende a legal representación do Goberno Central, como se a política non comportara responsabilidades xurídicas; etc., etc.

Creen de verdade que se pode dar cumprida razón de tantas razóns dentro dun mínimo marco lóxico, sen acudir a outro nivel, a unha meta–racionalidade?. Supoño que non, porque, modestamente, penso que á razón acompáñana, polo menos, dous grandes problemas para o home: Cando se pon o servizo dos instintos máis tribais e tamén cando se desvincula deles. Por iso o seu papel na sociedade é – emulando a un político – tan discutido e tan discutible.

A razón, no primeiro caso, amancébase cunha certa irracionalidade atávica, e, no segundo caso, propicia que o home nostálxico estea teimosamente contra a razón acadada na evolución cultural, porque se desvincula das súas pre–tensións e sentimentos orixinarios. Pero o cerebro humano élles aínda un campo misterioso: Cando o inundan de esixencias involutivas, regresa aos primates.

Como di un dos mellores biólogos do mundo, Edward O. Wilson, “se os líderes egoístas poden forzar un grupo para que serva aos seus intereses persoais, os membros propenden ao altruísmo e a conformidade”, e de aquí a práctica da regresión non media máis que un paso.

Por iso a teimosía dos instintos aletargados lévanos, sen decatarnos diso, a buscar razoamentos argumentais para manternos na tesitura iniciada nun desafortunado momento, aínda que comporte, en determinadas circunstancias, caer na incoherencia. Considerando esta reflexión, chama a atención con que facilidade o Goberno Central de España caeu nesta trampa con motivo das recentes eleccións cataláns.

Se todo o seu empeño argumental estaba en sosterse na tese de que eran só autonómicas, aplicou unha calculada estratexia para combater o plebiscitario das mesmas, obxectivo principal dos independentistas. Desta maneira enrédase nas tramas de Mas, e seguidores, e loita polo inexistente, como se o plebiscitario non estivera de iure neutralizado pola razón xurídica, e apresúrase no marco político a conceder relevancia á rebeldía da que tanto se oufana Mas á hora de opinar sobre a súa imputación, en vez de ofrecer solucións cribles aos problemas de moitos cataláns, que parecía máis correcto.

Con todo isto fomenta a sospeita de que a razón xurídica non conta con ferramentas adecuados para executar as resolucións transcendentais, que deben amparar, xa non digamos os principios CONSTITUCIONAIS do Estado, senón tamén a tutela dos elementos CONSTITUTIVOS do mesmo (soberanía, integridade territorial, lexitimidade histórica...).
Sorprendente...!, porque para executar unha sentencia de desafiuzamento dunha familia indixente, cóntase con axentes de autoridade abondo. E non esquezan os nosos xestores que exhibir o poder contra a debilidade é unha maneira de poñer a razón ao servizo das máis baixas pretensións instintivas orixinarias. É un lamentable exhibicionismo no accidental para esfumar ineficacias no esencial.

Por suposto, todo isto esixe un cambio a tempo, non esperar a que se xeren situacións que demanden unha aplicación necesaria de instrumentos que non hai a man, se non queremos levar aos cidadáns a un estado de escepticismo tal que nin as verdadeiras autoridades nas súas materias específicas lles merezan crédito: Unha maneira esta de abrir vías á irracionalidade e de obstruír e volver opacas as canles da auténtica razón fundamentada.

Os nosos xestores terían que evitar que a novas xeracións lles pidan contas, non só do que fixeron mal, senón tamén de todo aquilo que puideron facer ben e deixaron pasar as oportunidades, que en política adoita arrastrar consecuencias irreversibles, e deixa abondoso espazo para a manipulación da razón, unha práctica que soemos utilizar con demasiada prodigalidade, como moi ben expresou James H. Robinson nestes termos: “A maior parte do noso suposto razoar consiste en encontrar argumentos para seguir crendo o que xa críamos”.

Eles ocúltano; pero todo o esforzo dos líderes políticos, nas sementeiras electorais, está en disimular as salpicaduras de faíscas instintivas nos seus argumentos, xerando espazos de agresividade virtual, como se o descrédito do adversario garantira a oportunidade e a avaliación positiva das propostas. É dicir, as súas RAZÓNS ARGUMENTAIS QUEDAN AO SERVIZO DOS INSTINTOS MÁIS BAIXOS; por conseguinte, deveñen inoperantes e, non poucas veces, enrédanse nas coñecidas “argumentacións ad hominem”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES