Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A escola dos inmigrantes

viernes, 03 de mayo de 2024
A pública. A privada está no seu, e ben que fai. Outra cousa é a concertada, é dicir, a escola privada pagada con cartos públicos.

Repetidos informes atertan de que a maioría dos rapaces inmigrantes estuda na escola pública. Exactamente o 82,43% fronte o 17,57% que o fai nos concertados.

O máis rechamante e perigoso é que a fenda entre a rede pública e a concertada vai a máis.

A escola pública acolle. A escola concertada escolle. Por iso cabe preguntarse como é posible que os cartos públicos estean a pagar o clasismo ou a creación de guetos. Fernández Enguita, catedrático de Socioloxía, falaba da aposta pola crecente diferenciación entre centros privados, públicos e concertados: mercado para os ricos, Estado para os pobres e fórmula combinada para as clases medias. Outro sociólogo, Julio Carabaña, desmonta unha serie de tópicos e falsidades sobre escola e inmigración.

Os autores do informe "Análise económica dos efectos da inmigración no sistema educativo español" denuncian o que foi repetidamente denunciado: a elevada concentración de nenos e nenas inmigrantes e de minorías étnicas na acolledora escola pública. A conclusión é razoable: así perdemos todos. Por iso piden ó goberno unha redistribución máis equitativa para mellorar o rendemento académico de todos. E unha vertebración social máis intelixente.

Tamén causa perplexidade que colexios relixiosos, nacidos para atender os últimos, loitan agora por coller os primeiros. Beneméritos fundadores de congregacións de ensinantes non estarían moi orgullosos de ver quen entra nas súas aulas e quen é rexeitado.

Alguén debera explicar aos responsables destes centros católicos concertados que a maioría das familias de inmigrantes non dispoñen de recursos, de información ou de residencia que lles permita matricular os fillos neses colexios. A presión do egoísmo dos pais e as cotas para actividades supoñen auténticas barreiras que impiden a entrada neses centros a aqueles ós que no momento fundacional estaban destinados.

Evanxeo é unha palabra grega, euaggelion, que significa boa nova. A desigualdade económica e cultural das familias condena a moitos inmigrantes a un futuro fondamente desigual e, no peor dos casos, marxinal. A boa noticia non chega ós máis necesitados de boas noticias.

É demencial e pouco intelixente a separación do alumnado pola lingua. Ou pola relixión. Ou polo sexo. Ou pola súa orixe indíxena ou inmigrante. Os cartos públicos deben dirixirse prioritariamente á corrección das desigualdades e a conceder as mesmas oportunidades para todos.

Pero unha escola inconsciente e insolidaria acaba comportándose como un hospital que mata os enfermos e só cura os sans. Hoxe, as boas noticias para ese 82,43% do alumnado inmigrante só poden lerse na escola pública. A que acolle evanxelicamente a ricos e pobres, inmigrantes e autóctonos, intelixentes e torpes, rapaces e rapazas. A todas. A todos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES