Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (24)

viernes, 17 de mayo de 2024
O home que comía soltas de eguas e botellas

Sadorniño era un home delgadeiro e non moi agraciado que digamos, pero era, por así dicir, dos que "pasaban", de cara alongada e feúcho, parecía medio toleirán.

Vouvos contar unha historia tan real coma min mesmo, acaeceu aló polos anos Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (24)cincuenta ou cincuenta e tres do século pasado, atopeino na casa de Óscar de Castro de Ribeiras do Lea con máis xente que alí estaba, naquela tenda de ultramarinos e taberna que se desenvolvía no centro de Castro, que foi derrubada para construír o que hoxe é o restaurante Cóndor.

Chegou o devandito Sadorniño á casa de Óscar e pediulle ao Remixio un viño, que era o que despachaba, pero a cousa non quedou aí, logo foi outro e outros máis ata que
Sadorniño dixo:

- Se hai quen me aposte un queixo de Castela na sentada, cómoo.

Daquela os queixos de Castela eran moi grandes, non tanto coma unha roda dun carro, pero si como unha roda de medio tamaño.

Contestoulle un dos que alí había:
- Eu non cho aposto, mais o que si che aposto é... "a que non comes aquela solta de coiro".

A solta de coiro estaba colgada nunha viga de madeira entre outras soltas de corda e de ferro colgadas de cravos de ferreiro e de puntas naquel ultramarinos de Castro. As soltas poñíanselles ás vacas e aos cabalos que fuxían da finca ou do curro ao que se levaban, podían ser de corda, de coiro ou de ferro, aínda que tamén había piegas de madeira que se lles poñían nun dos pés aos animais.

Contestoulle Sadorniño:
- Xa está, apóstocha, pero se me dás un peso (un peso eran cinco pesetas nunha peza na época do ditador).
Quedámonos todos pasmados ao oír: "Apóstocha".

Continuou dicindo Sadorniño:
- Teño que partila en pedaziños para poder comela, e ti que apostas, tamén tes que pagar a solta a Óscar, ou a Remixio, que o mesmo dá.

A solta medía algo menos dun metro. Vai o Remixio e colleu a solta pola fibela e deulla a Sadorniño para que procedese.

Colleuna Sadorniño e cun coitelo de cortar as cordas fixo uns cachos pequenos, aínda que un pouco máis grandes cás patacas fritas e comezou a metelos na boca e a remoer neles para irlles facendo o pase ao estómago chegando a comelos todos, aínda que a maioría deles pasounos enteiros.

Todos quedamos abraiados polo que acababamos de ver e nese intre o Sadorniño tomou a palabra de novo e dixo:
- Se me xogades aquela botella de anís do mono, aínda a papo.

Aquelas botellas de anís tiñan uns cadradiños de cristal en todas elas e que nas festas e troulas utilizábanse para acompañar as coplas fregando neles cun garfo, cun coitelo ou cunha culler.

Mais, visto o que aconteceu coa solta, non houbo ninguén en toda a taberna que se atrevese a xogarlle nada porque a comía tamén, pois algún dos que alí había xa lla viran comer noutros sitios tamén sempre baixo unha perceptiva aposta.

Quedámonos mirando para el como se ía. Colleu a bicicleta e marchou para Muimenta, pois daquela o Sadorniño traballaba na tilleira.

O Sadorniño despois da aposta eu vino moitas veces. Tiña un moi bo soldo nos fornos do ladrillo de Muimenta, onde era moi coñecido e estimado porque cando arrefriaba un pouco o forno era capaz de entrar nel e darlle a volta ao ladrillo para que cocese polo outro lado, é dicir, revolvía o ladrillo case queimando coas mans, cousa que non facía ninguén de por alí.

De Sadorniño sei que morreu xa hai moito tempo e sen fillos.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES